Un ano máis a cidade de Pontevedra volve ser escenario na nosa comarca para a celebración desa españolada do horror e o sangue que son as touradas. Un ano máis, pois, Pontevedra volverá ser escenario de mobilizacións a prol da vida e da liberdade exixindo o cesamento inmediato destas actividades que aliás son totalmente alleas non só á cultura e tradicións da nosa comarca, mais tamén ás de toda a nación galega.
Denunciamos á Deputación provincial como auténtico foco de financiamento con cartos públicos destas actividades amosando, unha vez máis, o seu carácter reaccionario afastada dos auténticos intereses populares, polo que desde a FPG de Pontevedra volvemos exixir a completa desaparición desta institución antidemocrática e antigalega, auténtico niño de caciques, como ben sabe o seu presidente Rafael Louzán. Asemade non entendemos a actitude pusilánime dun Concello que debería, nun acto de dignidade, declarar de xeito inmediato Pontevedra como cidade abolicionista das touradas seguindo o ronsel que no seu día iniciou a vila de Cangas do Morrazo.



Este ano, con motivo do Día Internacional das Mulleres, celebrarase unha manifestación nacional o día 11 de marzo en Compostela baixo o lema Mulleres galegas en loita polos nosos dereitos. Sairá ás 12:00h. dende a estación do tren e rematará cun concerto na Praza da Quintana. Esta mobilización, que se presentou en rolda de prensa o pasado martes 14 de febreiro, está organizada a nivel nacional e comarcal por diferentes colectivos feministas e sindicatos (ANDAINA, CIG, CUT, FARAXA, FEMINISMOS COMPOSTELA, MARCHA MUNDIAL DAS MULLERES, NÓS MESMAS, REDE FEMINISTA GALEGA, SLG e STEG).

